sábado, 21 de noviembre de 2009

Exame suspenso

Era un mércores pola mañá a primeira hora cando a profesora de castelán entrou na clase. Era unha muller alta e delgada que sempre levaba o seu bolso e as carpetas nas que tiña o material para impartir clase. O caso é que entrou dando os bos días, nós contestámoslle e acto seguido preguntámoslle todos a unha:
– “¿Tienes las notas, profe?” – e é que facía dous días tiveramos un exame con ela e estabamos ansiosos por saber as notas.
Ela nin sequera se molestou en contestar, sentouse e sacou dunha carpeta un montón de papeis.
– Daniel – chamoume –. “Reparte los exámenes, por favor.”
Levanteime e fun ata onda ela. No ambiente notábase tensión, a tensión de antes das notas, tamén chamada “prenotarial” polos expertos no tema. Collín a pila de papeis e comecei a repartilos. O último era o meu. Esperei a sentarme para miralo. Non. Non podía ser! Outra vez! Un catro setenta e cinco! Cago no demo! Eu sempre fun un moi bo estudante, pero este ano... En castelán comecei a suspender, en matemáticas aprobo polos pelos... E iso que eu son de letras! Pois vaia letras! Aínda menos mal que vou ben nas outras. Pero agora viña o suplicio.
– Dani! Canto sacaches? – se non era coa profesora de castelán, na clase falabamos todos en galego.

– Un catro setenta e cinco – de súpeto todo o mundo se puxo a rosmar: «Imposible!» ou «Dani un catro setenta e cinco. A profesora tivo que corrixir mal.» Xa sabía eu que isto pasaría pero non acabou aí todo, o peor foi cando...
– E ti, Uxía? Que sacaches?
E ela responde:
– Un dez.
Ala carallo! Aí xa se armou unha boa. Que se Uxía me superara, que se Uxía era superdotada (pois só aprobou outra persoa na clase e cun cinco escaso), que se Uxía, que se Uxía, que se Uxía... Despois tamén estaban os máis bos: «Uxía fixo trampa, tivo que copiar dalgún lado» ou «Non pode ser. A profe corrixiu mal». E eu, ferido no meu amor propio comecei a maldicir en voz alta coma se estivese tolo. Tíñalle unha tirria a esa rapaza... Durante todo ese curso e durante o curso anterior (aínda que sacaba todo sobresaínte) miña nai poñíame a Uxía de exemplo: « Uxía pásase traballando toda a tarde, e ti non fas nada! », e eu: « Terás moita queixa ti tamén. Quéixaste de vicio ». E agora isto. Leva superándome todo o curso e os meus compañeiros facendo comentarios a cada exame que me supera. Como para non terlle manía! E aínda por riba Uxía era das rapazas máis guapas do curso. Tíñao todo tamén. Vaia por Deus.
– Daniel, “salga fuera, estoy ahora con usted”
Merda, xa me olvidara da profesora e todo. Que querería esta muller agora, oh? Vaia día. A ver como lle dicía eu isto a miña nai. En fin, xa pensaría niso máis tarde.
– Sí, profesora.
Saín fóra da clase e detrás miña saíu a mestra. Pechou a porta e dixo tranquilamente:
– “¿Se puede saber que te pasa? ¿Pasas de un sobresaliente a un suspenso y ni siquiera te importa?”
Que non me...? Cago na... Eu a esta mátoa, mátoa! Se non a mato eu a ela mátame ela a min, así que non me poden meter no cárcere nin mandarme a menores: é cuestión de supervivencia, é en defensa propia. Ou?
– E quen lle dixo a vostede que non me importa? – tan cabreado estaba que lle falei en galego. A ela non pareceu importarlle. Á fin e ao cabo non estabamos na clase e cada un é libre de falar no idioma que queira non?
– “No demuestra mucho interés. Le vi mirar el examen y no hizo ni un gesto de preocupación siquiera”.
Non, si esta aínda había querer que chorara. Manda truco!
– Iso non quere dicir que non me importe, ou?
– “Suspendes porque te da la gana, Daniel”.
Agora si! Non o aturo máis! Vai levar unha... desas que dan os curas! Como se atreve!
– “Sabes la teoría pero no sabes llevarla a la práctica”.
Si, ti tamén sabes aprobar pero tampouco sabes levalo á práctica. Mira a outra con que me ven!
– Bueno, xa está non? Estou suspenso. Para que lle vamos a dar máis voltas. Fastídiame moito suspender por moito que diga vostede pero é o que hai. Haberá que aceptalo. Que quere, que me poña a chorar?
A profesora pareceu sorprendida pola forma en que lle falara e polo que lle dixera, pero non me contestou e volveu abrir a porta da aula. Eu entrei. Todo estaba en silencio. Que raro. Uxía mirábame cun sorriso tímido, como de desculpa. Eu non lle fixen caso. Só tiña ollos para o meu pupitre. Quería chegar a el e agocharme das miradas indiscretas dos meus compañeiros. Nese intre dixo a profesora:
– “Bien. Tema seis. ¿Quien puede decirme lo que es la comunicación?”

No hay comentarios:

Publicar un comentario