sábado, 21 de noviembre de 2009

Na procura do pan

Como me estou aburrindo que dá gusto na casa pois vouvos contar algo.

Ben, o caso é que o outro día levanteime, almorcei e todo iso que se fai pola mañá (quen o fai e quen non tempo que aforra) e cando saín do baño e me ía meter un cacho no ordenador antes de poñerme a traballar, oio a miña nai:
– Daniii! Vaime polo pan, anda, que eu estou ocupada!
Buenoooo, xa sería raro, oh! E, total, se non está ocupada está cansa porque non durmiu de noite ou porque hoxe os pequenos estaban insoportables (miña nai é mestra) ou sabe "Dios" e a "Virgen" por que. Para que vou protestar? Se vou ter que ir igual...
– Bueno logo, a ver. Dame os cartos ou? Aínda por riba de ir polo pan aínda hei ter que pagalo – dixen. E é que eu cando me obrigan a facer unha cousa póñome bastante maleducado e insoportable.
– Toma – e deume un billete de dez euros.

– Pero ti toleache, desde cando o pan custa dez euros, nena? – o de nena saíume nese momento, eh? Non pensedes que lle vou chamando nena á miña nai.
– É que non teño menos.
– Ben, pois as voltas para min, pola viaxe – dixen de broma. Ja! Broma si, oh! O que pasa é que eu naquel intre non o sabía.
– Ala, marcho, logo volvo – outra burrada, iso de “logo”... Hai que ver as tonterías que se din cando non se sabe o que vai acontecer no futuro.
E alá me fun eu, andando tranquilamente (aí tedes outra, xa van dúas. A quen se lle ocorre ir andando tranquilamente cando vai buscar o pan? A quen?). Crucei o Parque da Milagrosa e cando cheguei á panadaría... estaba pechada! Todo ese camiño para nada. Fun pola Avenida da Coruña ata outra que había un cacho máis atrás. O pan daquela panadaría non lles gustaba moito aos meus pais, dicían que estaba cru, pero érache o que había. E... estaba pechada!!
– Cago no demo! – dixen.
E así seguín indo ás panadarías das que sabía (así e todo son responsable, eh? Mirade como me sacrifico polos meus pais. Aínda que eu tamén o facía por min, se non hai pan para meus pais... malamente o hai para min). Recorrín Lugo e medio “y no había una panadería abierta, chico”. Puxen unha nota no móvil para o día seguinte que decía: “Denunciar a todas as panadarías de Lugo por pechar o mesmo día”. Maldita sexa a miña sorte, oh. E volvín para casa coas mans baleiras.
– E o pan, fillo?
– Pregúntalles os panadeiros porque eu non sei del.
– E logo as panadarías que están, de adorno?
– Iso é o que me pregunto eu – respondín. Retranqueiro ata a morte! Viva a retranca!
– Onde vai o pan, Daniel?
– Mamá, se soubera onde vai traíacho, pódocho xurar. Non había unha panadaría aberta! “Ni una!” Lugo e medio me papei, e nada. Nin unha migalla.
– Vaia por Deus, oh. E agora como facemos?
– Frite unhas patacas.
– Pero agora non me da tempo!
– Ben, pois esperamos.
– Vale logo. Veña, vaille axudar a teu irmán a pasar o aspirador.
– O que, oh?!
– Andando!
Merda. Merda, merda, merda, merda. Axudarlle a pasar o aspirador? Merda. Meu irmán recorreu todo Lugo na procura do pan? (Non estaría mal como título de película: “Na procura do pan 2”) Non. Non, non, non. E eu, despois de andar o que andiven, teño que limpar? Merda. Pero así é a vida. Eu axudeille a limpar ao meu irmán e máis tarde meu pai chegou cun bolo de pan ben grande. Iso foi o colmo. Nunca máis volverei a andar pola cidade adiante buscando pan. NUNCA MÁIS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario